Milonga de aquí

Sés.

Con aire fresco de mar
curo feridas e loitos
que sexan poucas ou moitos
é necesario sanar

E vendo o mundo rodar
dando tumbos de vencido
dou por perdido o perdido
e recollo o que quedou

E co que me queda vou
seguindo o meu percorrido
para seguir camiñando
fago noite na esperanza

Apóiome nas lembranzas
e aliméntome de sons
e nútrome das cancións
que dan cor a esta existencia
evitando a disidencia
dun obrigado vivir

Que me fan chorar e rir
Que me instalan na insurxencia

E quero bailar ao ritmo
do que vive ilusionado
e coa voz do silenciado
cantar quero con paixón

Coa querenza e coa emoción
da que non pretende nada
máis que seguir namorada
mentres quede corazón

Aspiro a soñar esperta
para facer máis levadeiro
este treito traizoeiro
que garda unha fin incerta

e cantar a gorxa aberta
e deseñar utopías
para encher de luz os días
en que o sol non me sorrí
en que non te teño a ti
para inspirarme melodías
E así seguirei rimando
No medio do bombardeo
Emulando o canso reo
Reconvertido en poeta
Que ten o fóra por meta
E ten o dentro baleiro
Un ollar sempre tristeiro
E o pensamento no ar
Onde voa o meu cantar
Onde non hai carcereiro
Invocando a redención
Neste recuncho do mundo
Faise o meu cantar profundo
Como a terra en ultramar
faise o meu cantar
Ao saberme secundada
Aínda sendo abandeirada
Dos que as levan de perder
É por eles que hei morrer
Sentíndome acompañada
E na liberdade áurea
Do melódico elemento
Baila a risa co lamento
E o cego co soñador
O paria co gañador
e o rebelde co castrado
que, co sentir mutilado,
ignora aquilo que eu sei
por el é que eu berrarei
para velo liberado